CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS
--
Festas e Gastronomías11
O día 6 de cada mes é a feira de Viloira, un concorrido mercado onde se pode atopar de todo. O Entroido, que nas veciñas terras do Bolo se conserva enxebre e ancestral, fica aquí domesticado e con influencias urbanas.
A Semana Santa ten no vía crucis barroco das Ermidas e na procesión dos caracois no Castro os puntos de maior interese. O 1º de maio ten lugar no Barco a festa dos Maios e o 22 deste mesmo mes a de Santa Rita. Polo Corpus as rúas do casco vello aparecen cubertas de alfombras vexetais nunha expresión de artesanía colectiva.
No verán abundan as festas patronais e as romarías nas parroquias de toda a comarca. En agosto é a festa das barcas coa que se celebra a recuperación das tradicionais embarcacións do Sil, as lanchas, que sucan as súas augas no verán. As Festas do Cristo, o 14 de setembro no Barco, son as máis populares da bisbarra e nelas ten lugar o Descenso do Sil en piragüas, unha proba deportiva que cumpriu máis de cincuenta anos.
A gastronomía comarcal exprésase colectivamente na festa do Botelo, a finais de xaneiro, que serve de exaltación da matanza do porco e deste orixinal produto que xa foi descrito en tempos dos romanos. As androllas e o botelo son embutidos rexos e antigos que non poden faltar na mesa polo inverno. Como as empanadas de anguías, o polbo á feira, o cabrito asado, os roscóns, bicas e tortas de roxóns, delicadezas para tomar en calquera época do ano.
As saborosas castañas valdeorresas van ocupando un posto de honra na cociña actual e a gran riqueza micolóxica dos nosos montes convoca numerosos afeccionados no outono, o tempo das tonalidades douradas e dos magostos.
ENLACES DE INTERESE
- Sede
Electrónica - Portal de
Transparencia - Perfil do
Contratante - O noso
Rueiro - Camiño de
Inverno - Suscríbete en
TokApp - Subvencións á
Cidadanía - Web
Turismo