CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS
--
Servizos Sociais e Igualdade
O departamento de Servizos Sociais do Concello do Barco de Valdeorras traballa activamente para mellorar a calidade de vida e a participación na sociedade de todas as persoas e grupos da comunidade. As iniciativas desenvolvidas inciden especialmente na cidadanía que sofre algún tipo de carencia, marxinación ou desatención selectiva.
Enderezo: Casa do Concello, planta baixa
Teléfonos: 988 320202 - 988 320010 , extensións 2161-2162-2163-2164 -2168 servizossociais@concellodobarco.org
Atención ao público: de 9 a 14 h.
Este Concello é socio do Fondo Social Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a Concellos e Deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de Dereitos Humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.
O Fondo Galego xorde a finais do ano 1997 como expresión institucional desa crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias e a pobreza mundial que percorreu o Estado español e Europa durante os anos 90, dos efectos sociais de tantas calamidades, catástrofes ou guerras, que a cotío irrompen nas nosas vidas, para poñer o contrapunto a outro segmento da humanidade que entende a vida e as crises doutra maneira.
Pero tamén para ir máis alá da mera urxencia e arbitrar programas sólidos e permanentes centrados no desenvolvemento estrutural desas comunidades que, a pesar de representar a maior parte da demografía mundial, van no furgón de cola da “nova economía”
Programas básicos desenvolvidos polos servizos sociais do Concello:
Programa de Orientación, Asesoramento e Información
Ten por obxecto informar a poboación sobre os dereitos e recursos en materia de servizos sociais, así como orientar e asesorar as persoas e grupos afectados por problemáticas específicas, diagnosticar a situación e derivalos, se é necesario, aos servizos sociais de atención especializada.
Programa de Axuda no Fogar
O servizo de axuda no fogar está dirixido a toda a poboación. É unha prestación básica do sistema público de servizos sociais que presta un conxunto de atencións, dende unha perspectiva integral e normalizadora a nivel preventivo, educativo, asistencial e rehabilitador. O programa vai dirixido a individuos e ás familias no seu fogar cando se atopen incapacitados/as, temporal ou permanentemente, por motivos de índole psíquica, física ou social para realizaren as tarefas esenciais da vida cotiá, manténdoos/as no seu fogar e integrados/as no seu medio natural, mellorando a súa calidade de vida.
O servizo de axuda no fogar está regulado pola ordenanza municipal do Concello do Barco de Valdeorras.
Este servizo pódese complementar co programa de teleasistencia (permítelles ás persoas maiores e/ou doentes ou discapacitadas, ao premeren un botón, entrar en contacto verbal “mans libres” cos operadores/as dun centro de atención as 24 horas do día, todos os días do ano), e mais co programa xantar na casa (elaboración das comidas do xantar que serán levadas ao seu fogar).
Programa de Emerxencia Social
Dende os servizos sociais detéctanse as situacións de urxencia que requiren ser abordadas de xeito rápido e eficaz. Fundamentalmente son situacións de escaseza de medios económicos que dificultan o normal desenvolvemento das persoas ou familias. Con este programa preténdese paliar e, se for posible, corrixir estes déficits.
Programa de Educación Familiar
Consiste na intervención, por parte do persoal especializado, nas familias en que se detectan carencias competenciais nas súas funcións parentais. O fin da intervención é a integración e a mellora das funcións que tiñan asignadas as familias.
Atención á dependencia
Dende os servizos sociais municipais facilítase a información para acceder ás prestacións e aos servizos da nova Lei de dependencia, e realízase o programa individual de atención en que se determinarán as modalidades de intervención máis adecuadas ás súas necesidades.
Centro de Información á Muller (CIM)
As mulleres do Concello do Barco de Valdeorras contan cun centro de carácter permanente que lles ofrece un servizo gratuíto e lles proporciona asesoramento xurídico, atención psicolóxica, información en materia de recursos e calquera outra información encamiñada á consecución da igualdade de oportunidades entre as mulleres e os homes.
Atende de maneira específica as mulleres vítimas da violencia de xénero.
O CIM realiza cursos e encontros sobre temas de incidencia na consecución do principio de igualdade e realiza actividades para a sensibilización da cidadanía tocante a violencia machista e a aplicación do principio de igualdade.
É unha canle entre as usuarias e os distintos organismos con competencias en materia de muller.
Documentos para descargar:
Regulamento. Servizo de axuda no fogar
Ordenanza reguladora para a prestación do servizo Xantar na Casa
Ordenanza reguladora das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez
ENLACES DE INTERESE
- Sede
Electrónica - Portal de
Transparencia - Perfil do
Contratante - O noso
Rueiro - Camiño de
Inverno - Suscríbete en
TokApp - Subvencións á
Cidadanía - Web
Turismo