As clases serán impartidas pola Academia Galega de Seguridade Pública, e O Barco é o único concello de Galicia no que se desenvolverá este ano este curso de formación, tras ser solicitado polo alcalde, Alfredo García, á Dirección Xeral de Administración Local, para paliar a carencia de socorristas profesionais na comarca de Valdeorras.
O DOG publicaba hoxe as bases e as condicións de inscrición neste curso , no que hai 27 prazas en total. Os interesados –calquera persoa pode optar a esta formación, sen necesidade de residir en Valdeorras- deben entrar no enlace https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240322/AnuncioO3C2-150324-0001_es.html para consultar tanto as condicións establecidas para poder formalizar a inscrición, como para acceder ao formulario para poder participar neste curso. Os inscritos admitidos deberán superar unha proba de natación, que se celebrará o próximo 9 de abril na piscina climatizada municipal do Barco.
A formación desenvolverase entre o 12 de abril e o 1 de xuño, con clases os venres pola tarde, e os sábados e domingos en horario de mañá e tarde. Tanto as clases teóricas como as prácticas terán lugar na piscina climatizada. Os participantes serán formados en socorrismo tanto en instalacións deportivas como en espazos acuáticos naturais.
Este é o segundo curso profesional de socorrismo que se celebra no Barco, tras o que tivo lugar o ano pasado, solicitado polo Concello para paliar a falla de persoal cualificado para o servizo nas piscinas e praias fluviais da comarca, o que impediu que en anos anteriores puideran abrir algunhas piscinas da contorna na tempada de verán.