O 55 Descenso Internacional do Sil é unha das probas deportivas de piragüismo máis importantes de cantas se celebran nos territorios galego e nacional. Na proba, cun percorrido de 7,5 quilómetros, toman parte deportistas federados das categorías cadete, xuvenil, senior e máster, tanto de homes como de mulleres, nas modalidades de K1, C1 e K2. Neste último caso tamén compiten equipos mixtos. A proba, que se celebra o sábado 16 de setembro, ten prevista a saída ás 18,00 horas desde a localidade de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), e chegada ao Malecón do Barco.
Paralelamente ao Descenso Internacional, ten lugar o Descenso Popular, dentro Festa das Piraguas que se celebra na zona do río coñecida como O Cachón das Casas Baratas, onde tamén está situada a meta para esta actividade recreativa. No Descenso Popular poden inscribirse todas as persoas que o desexen. Neste descenso se permiten todo tipo de embarcacións de recreo, e todos os participantes recibirán un agasallo, ademais de participar nos premios aos mellores disfraces, tanto individuais como colectivos, así como aos mellores equipos e á familia máis numerosa en participar.
O percorrido é o mesmo que o do descenso competitivo, pero con saída ás 16,30 horas. Na zona da meta haberá un apeadeiro con animación musical para todos os participantes e asistentes. O periódico La Región colabora nesta actividade, para cuxa inscrición debe premerse neste enlace: https://masdeporte.laregion.es/ficha.php?id=108&fbclid=IwAR1tGM7WCd0tz--keJ4wEKSk23XcWGAbHG6F8mM5nXVJnVdGRdNxPcf3Fd8
O tren fluvial, gratuito para todos os usuarios, ten prevista a súa saída ás 17,30 horas da Estación de Renfe do Barco. No tren hai animación musical da charanga Achicoria.
Outra actividade con moita participación nestas festas é o Madrugón, que terá lugar o xoves, día 14, a partir das 8 da mañá con saída na zona do Sil coñecida como “La Capitana”. O sábado día 16 terá lugar nas pistas do Chao o 5º Campionato de Petanca, en xornadas de mañá e de tarde, e o domingo ás 18,00 horas xogará o CD Barco contra o CP Alertanavia no Campo de Calabagueiros.
A Milla Urbana chega este ano a súa edición número 35 como unhas das probas máis importantes, nesta modalidade, de cantas se celebran no territorio español. Trátase dunha proba nacional de atletismo nas categorías absolutas masculina e feminina. Ademais hai unha carreira popular para todas as idades. A Milla celebrase no Paseo do Malecón o domingo, 17 de setembro, desde as 18,00 horas.