Os viños da D.O. Valdeorras teñen na godello a variedade estelar. Son brancos de grande personalidade, de intensos e orixinais aromas que lembran as mazás, con harmonía na estrutura e, no padal, elegantes e expansivos, cun postgusto longo e pleno.
Os tintos ofrecen un presente consolidado coa uva mencía e un porvir aberto a outras variedades e mesmo aos crianzas. Os monovarietais de mencía presentan unha atractiva cor vermella-cereixa e expresións aromáticas que lembran as froitas silvestres. De suave ataque en boca manifestan as súas brillantes características de xeito elegante e distinguido. O Consello Regulador da D.O Valdeorras, creado en 1957, é o organismo encargado de garantir a procedencia das uvas, de autorizar as variedades dentro da zona de produción, certificar os viños e realizar a súa promoción cunha imaxe conxunta.
As augardentes pechan o ciclo do viño con destilados que asentan a súa elaboración nunha rica tradición popular.