CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS
--
Espazos Naturais
A paisaxe é o principal atractivo en Valdeorras. As viñas nas ladeiras e os soutos de castiñeiros centenarios conforman unha deliciosa estampa que acada no outono un cromatismo espectacular.
Sen saír do Barco podemos pasear pola ribeira do Sil, desde o Camiño Real ata A Proba e, cruzando o río por unha pasarela peonil, pola área recreativa do Salgueiral, onde teñen a súa residencia colonias de patos, garzas e cegoñas.
Un sitio moi coidado e con numerosas árbores autóctonas é o que rodea o Mosteiro de Xagoaza, xunto ao río Mariñán, nas proximidades do Barco. Unha ruta para andar sinalizada conduce a este lugar desde O Barco polo Córrego -antiga ponte sobre o río Forcadela- e o núcleo histórico do Castro, onde chama a atención un grupo de adegas-cova.
Nas proximidades de Fervenza está a pincheira de Portomao, xunto as ruínas dunha antiga ferraría e un par de muíños de auga. En calquera aldea pódese gozar da paisaxe agraria tradicional, dos xeitos de aproveitamento da terra e da cultura rural.
Si se quere outear o val desde as alturas pódense realizar camiñadas que ofrecen unha visión panorámica da bocarribeira valdeorresa: o camiño entre Alixo, Domiz e Candeda, voltando campo a través pola Serra do Eixe; entre Santa Mariña do Monte e Correxais. ao abeiro do Mouzón ou a ascensión ás Tres Marías desde a aldea abandonada de Reporicelo, no extremo norte do territorio municipal.
A natureza móstrase xenerosa nos grandes espazos naturais de montaña da contorna. O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, no veciño concello de Rubiá, é o dominio da vexetación mediterránea, as formacións calcarias, as aves de rapina e os morcegos. Foi declarado Zona de Especial Protección para Aves (ZEPA). Chégase pola N-120 en dirección a Ponferrada, e na aldea de Biobra está o Centro de Interpretación do Parque.
O Macizo de Trevinca, con varios cumes superiores aos 2.000 metros, atesoura fragas de alto valor para a biodiversidade, como O Teixadal de Casaio, berce de fermosos ríos (Bibei, Xares, Casoio, Cabreira e Tera), lagoas solitarias (A de Ocelo e A Serpe) e abondosas pegadas do tempo das glaciacións. Accédese desde Sobradelo pola estrada de Casaio e desde A Ponte e Vilanova, no concello da Veiga.
ENLACES DE INTERESE
- Sede
Electrónica - Portal de
Transparencia - Perfil do
Contratante - O noso
Rueiro - Camiño de
Inverno - Suscríbete en
TokApp - Subvencións á
Cidadanía - Web
Turismo