O Concello do Barco presentou a AEVA un proxecto para a dinamización económica do pequeno comercio e a hostalaría do municipio, para o que aportará 110.000 euros de maneira directa. Estes cartos empregaranse na distribución de tarxetas cun valor de 50 euros, dos que o Concello aportará 20 euros, e 30 euros o titular da mesma. Serán, como máximo, 5.000 tarxetas, polo que se conseguirá mobilizar un total de 250.000 euros nos establecementos comerciais e hostaleiros do Barco.
Deste proxecto, no que aínda se está a traballar nestes momentos, beneficiaranse entón tanto os establecementos comerciais e hostaleiros como os propios veciños do municipio, estes porque poderán facer compras cun desconto directo do 40%, e aqueles porque deste xeito se dinamizará un sector que se ten visto especialmente castigado pola crises a causa da Covid.
Aínda que todos os detalles da proposta quedarán pechados nos próximos días, xa se ten decidido que desta campaña poderán beneficiarse unicamente persoas residentes no municipio, e os cartos só se poderán gastar en establecementos do Barco. As tarxetas (1 por residente) poderán utilizarse nos establecementos que se adhiran á campaña durante un prazo de entre 2 e 3 meses, ao termino dos cales quedará desactivada.
A campaña desenvolverase nos próximos meses, sempre de acordo coa opinión dos representantes do comercio en AEVA para ver o momento no que o consumo se retrae de xeito especial. Todos os detalles do proxecto se establecerán nun convenio que firmarán o Concello do Barco e AEVA, mentres que a apartación económica será proposta polo grupo de goberno no pleno ordinario que o Concello celebrará no mes de novembro.