Os orzamentos xerais do Estado para 2021 inclúen 22,8 millóns de euros para a continuación das obras de construción da estrada de circunvalación do Barco de Valdeorras, que unirá a N-536 e a N-120 e permitirá que o tráfico pesado non circule polo centro urbano da poboación. Este vial, cuxas obras están xa moi avanzadas, será especialmente beneficioso para o transporte xerado polo sector da lousa, tanto de mercadorías como de persoal, e que agora debe atravesar todo O Barco para poder entrar e saír da zona produtora. As obras están a desenvolverse a bo ritmo e espérase que continúen da mesma maneira durante os próximos meses. Trátase dun vial de 5,6 quilómetros de lonxitude, que inclúe un túnel, cinco viadutos e catro pasos superiores, e cuxo prazo de execución inicial estaba establecido en tres anos. Nestes momentos, está a iniciarse a construción do túnel.
CONCELLO DO BARCO DE VALDEORRAS
--