Logo do parón motivado pola pandemia da Covid-19, o próximo venres, 20 de novembro, retómase a programación teatral no Teatro Lauro Olmo, cun amplo programa que se prolongará polo de agora ata o 30 de decembro.
A situación sanitaria que aínda se segue a sufrir en todo o país, aconsella que se continúe coa adopción de medidas de prevención neste tipo de actividades. Por iso, o aforo do local quedará limitado a 60 localidades para a representacións teatrais, e se continuará coas medidas de uso de hidroxel e distancia establecidas desde o primeiro momento. Tamén se adianta a hora de inicio media hora (ás 20,30 horas), co fin de non chegar á hora establecida para o inicio do toque de queda.
“Invisibles” é o título do espectáculo de “Redrum Teatro” que abrirá esta nova temporada de teatro. Trátase dunha peza que xira arredor da violencia contra as mulleres (o 25N é o Día Mundial contra esta violencia) . Con tres premios María Casares, a obra ofrecerase o 20 de novembro, ás 20,30 horas.