O vindeiro día 6 de setembro, darán comezo, oficialmente, as Festas do Cristo do Barco 2026, coa inauguración da Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico Galicia e Norte de Portugal na praia fluvial, e se prolongarán ata o día 15, cun programa extenso e repleto de actividades culturais, deportivas e de lecer, e unha importante aposta no terreo musical.
Cun orzamento total, adicado ás Festas do Cristo deste ano, de 190.000 euros, o concerto de Xoel López será o prato forte da programación musical festiva, o sábado 12 de setembro no Campo da Festa, precedidos polo grupo local The Black Wings. Antes, El Combo Dominicano ofrecerá o seu espectáculo.
O domingo día 13 será a quenda das orquestras Capitol e América de Vigo. A orquestra Panorama City desenvolverá o seu espectáculo o luns 14 de setembro, día no que tamén actuará pola tarde a Banda de Música Ciudad de Ponferrada no Paseo do Malecón (zona Correos).
Será o 11 de setembro cando o acto do Pregón, programado para ás 21:00 horas na Praza Maior do Barco, marque o inicio das Festas, que tamén virán cargadas de actividades deportivas, entre as que destacan o XXXII Madrugón, o LVIII Descenso Internacional do Sil (ca VI edición do Descenso Popular) e a XXXVIII Milla Urbana, ademais doutras como o IX Memorial Jess Carrera de fútbol sala, o II Torneo popular de tenis, o campionato de petanca ou o torneo de pádel.
O programa tamén inclúe a tradicional Festa das Pandillas, na que actuará o grupo de música local El Patio de Leni na sesión vermú. Pasarrúas, grupos de música tradicional e ata un espectáculo de circo de rúa, formarán parte das actividades festivas. Calantornias e cabezudos serán, un ano máis, os acompañantes da procesión que antecede á misa solemne na honra do Cristo no seu día, o 14 de setembro.












