S.M. a Raíña Dona Sofía realizou hoxe unha visita a Valdeorras para ver de primeira man as actuacións de restauración en áreas afectadas polos incendios forestais de 2022 e 2025. Elixiu, para o seu descanso, o Pazo do Castro como hospedaxe, recibindo aos membros da corporación do Concello do Barco pola mañá, antes da súa partida cara a alvariza de Oulego (Rubiá), situada na Serra da Enciña da Lastra.
Encabezados polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, e demais membros da corporación, saudaron un a un á Raíña que devolveu o saúdo co seu mellor sorriso. En nome do Concello, o alcalde lle fixo entrega de varios agasallos: un exemplar do libro “Valdeorras, o noso tesouro”; un estoxo con dúas botellas de viño godello da Cooperativa Vinos Barco; unha pizarra co seu pizarrín do Clúster da Pizarra de Galicia (que lle fixo especial ilusión por ter usado unha parecida na súa infancia); e un conxunto de bolígrafo e pluma feitos en madeira de teixo polo artista local Christian Pombo, Spoombini.
Ademais dos agasallos, a S.M. a Raíña Dona Sofía recibía unha carta de agradecemento pola súa visita, onde se lle explicaron todos os detalles de cada obxecto que recibiu.
Dona Sofía agradeceu o xesto e o recibimento, mencionando a beleza das paisaxes da zona e manifestando a súa preocupación pola devastación dos incendios do ano pasado e o de 2022, e a súa incidencia na fauna e flora do territorio.
Trala recepción no Castro, o alcalde do Barco trasladouse ata Oulego (Rubiá) para asistir á visita da Súa Maxestade á zona, organizada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.













