Días contados para que comecen os actos da XXVVII Feira do Viño de Valdeorras, na que o Concello do Barco é colaborador e anfitrión un ano máis. O evento conta nesta ocasión cunha participación de récord, cun total de 22 adegas amparadas, e cun completo programa de actividades que se desenvolverán entre o 29 e o 31 de maio. Un día máis de festividade para un evento que tamén muda de ubicación, deixando a Praza de Viloira para establecerse no campo da festa do Paseo do Malecón do Barco.
Ademais do acto inaugural do pregón, que correrá a cargo do actor barquense Christian Escuredo e que terá lugar o venres ás 19.30 horas, este ano tamén contará a Feira con actividades como as catas, un showcooking, programación infantil e música en directo.
Baixo o lema “Regodéllate co godello, 100% de Valdeorras”, o recinto abrirá ao público tralo pregón do venres ata ás 00:00 horas; e tanto o sábado como o domingo ás 12.00 horas. No caso do sábado, pechará as súas portas ás 15:00 horas para volver a abrilas ás 20:00 ata ás 00:00 horas. O domingo, a Feira pechará as portas ás 16:00 horas ata a vindeira edición.
O programa da XXVII Feira do Viño, premendo aquí.
Ruta dos Pinchos “Petiscos con D.O. Valdeorras”
Desde mañá martes día 26 de maio e ata o venres 29, desenvolverase a Ruta dos Pinchos da XXVII Feira do Viño de Valdeorras, denominada “Petiscos con D.O. Valdeorras”, organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe de Valdeorras en colaboración coa Asociación Empresarial Valdeorras, AEVA.
Un total de 9 locais do Barco e A Rúa participarán nesta iniciativa gastronómica na que ofrecerán, entre as 19:00 e as 20:00 horas (ou ata fin de existencias) suculentos pinchos elaborados con viños amparados pola Denominación de Orixe de Valdeorras. Cada proposta poderá degustarse ao prezo popular de 3 euros.
Os participantes poderán facerse cun “Pasaporte de Petiscos”, que terán que selar nos locais onde consuman cada pincho. Unha vez completados os catro selos necesarios, poderán depositalo nas urnas habilitadas nos locais adheridos para entrar no sorteo que terá lugar durante a clausura da XXVII Feira do Viño, na tarde do domingo 31.
Un lote de viños de adegas participantes na Feira, unha cea para dous persoas, maridada con viños de Valdeorras e dous visitas a adegas, con cata incluída, serán os premios para aqueles que consigan completar a Ruta.
Os establecementos participantes recibirán un recoñecemento especial durante a Feira, así como un certificado de participación na iniciativa e material de promoción identificativo. Ademais, contarán cun adhesivo ou distintivo acreditativo como “Establecemento con Viño D.O.”, co obxectivo de dar visibilidade a súa implicación coa iniciativa e a promoción dos viños con Denominación de Orixe Valdeorras.











