O Concello do Barco, a través da súa Concellaría de Cultura e Educación, presentou as actividades organizadas co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
A programación do 17 de maio, iniciarase coa I Andaina pola lingua ás 11:00 horas na Praza Andrés de Prada. A esa hora, dará comezo a Carreira de pequenos, para deportistas de entre 0 e 6 anos de idade. Posteriormente, ás 11:15 horas, darase a saída para os participantes na Andaina, que deberán percorrer un total de 2,7 km. As inscricións poderanse facer o mesmo día deste evento deportivo, na Praza Andrés de Prada, en horario de 9:00 a 10:30 horas.
Chegadas ás 13:00 horas, no Paseo do Malecón (zona Correos), dará comezo o Vermú das Letras “Repunantas, un espectáculo de narración oral e música que repasará a literatura galega con perspectiva feminista e humor, dende María Balteira ata Begoña Caamaño.
Para concluír as actividades deste día, e volvendo á Praza Andrés de Prada, os máis pequenos serán os protagonistas das Pequeletras, espazo onde poderán desfrutar da obra“Begoña ao teléfono” de Raquel Queizás, ás 18:30 horas.
Concerto das Letras e Cine en Galego
O peche da programación das Letras Galegas virá en forma de concerto ofrecido poloConservatorio e Escola de Música do Barco, o día 19 de maio ás 19:00 horas, no Teatro Lauro Olmo do Barco.
O Concello do Barco fai extensiva a celebración desta efeméride a todo o mes de maio, ofrecendo proxeccións de cine en lingua galega cada semana: domingos (19:30 horas) e luns (20:00 horas).












