O Concello do Barco, a través da concellería de Cultura e Educación, presentou a programación da tradicional Festa dos Maios, que terá lugar o vindeiro venres día 1 de maio, na céntrica Praza do Príncipe da vila.
As actividades previstas darán comezo ás 11:00 horas coa apertura da Feira e a Exposición das creacións artísticas participantes no Concurso de Maios e Coplas. Ás 12:00 horas terá lugar a actuación do grupo de música e baile tradicional “Cantigas e Agarimos”, para de seguido, dar paso ás 13:00 horas, aos cantos das Coplas.
A Praza do Príncipe será escenario xa pola tarde, do espectáculo público e familiar “O Carballo con Botas”, ás 18:00 horas, tralo que se procederá á entrega dos premios do concurso.
As categorías establecidas para o concurso se compoñen de Maios e Arcos florais, coas modalidades de feitura enxebre ou artística. Cada participante poderá presentar un ou varios proxectos, valorándose cada un de xeito independente.
As Coplas concursantes deberán estar escritas en galego, e delas se valorará a orixinalidade, a retranca, a composición, o ritmo, a extensión e a linguaxe utilizados.
Premios
Os premios establecidos para os Maios, en cada unha das dúas modalidades (artísticos e enxebres), son os seguintes:
- Un primeiro premio de 350€
- Un segundo premio de 300€
- Un terceiro premio de 200€
- Dous accésits de 100€
Os premios establecidos para as Coplas, son os seguintes:
- Un primeiro premio de 250€
- Un segundo premio de 150€
- Dous accésits de 75€
O premio único estipulado para os participantes na categoría de Arcos florais é un lote de libros por valor de 120€.
O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da festa e representativas da vida social e cultural do Barco de Valdeorras, cuxo fallo inapelable darase a coñecer no propio recinto festivo antes das 19:00 horas.
Os interesados en participar no Concurso de Maios e Coplas, poderán facelo ata o vindeiro mércores día 29 de abril ás 13:00 horas, na sede do Centro Comercial Aberto ou a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/nzwccGWuD6qrSSYn6











