Desde o primeiro momento, considerouse que este edificio era o idóneo para acoller a sede da Policía Local, tendo en conta a súa localización, as condicións do inmoble, a accesibilidade e a existencia de zona de aparcadoiro.
As obras de rehabilitación iniciáronse no ano 2023 e, a pesar das dificultades xurdidas durante a execución, puideron concluír a mediados de 2025. O resultado é a rehabilitación integral das plantas baixa e primeira, dotadas dun sistema de climatización eficiente mediante aerotermia, a renovación completa da carpintaría exterior de todo o edificio e a instalación dun ascensor común, cun investimento total de 270.000 euros, financiados integramente polo Concello do Barco.
A este esforzo sumouse tamén a modernización da instalación eléctrica xeral, a implantación dun sistema de alarma, un centro de telecomunicacións e un circuíto pechado de televisión para a vixilancia do tráfico, coas correspondentes cámaras de control distribuídas en diferentes puntos do casco urbano. Este investimento adicional superou os 35.000 euros e tamén foi asumido exclusivamente polo Concello. O resultado é que este servizo esencial conta agora cunhas instalación dignas, modernas e funcionais, que lle permiten achegarse aínda máis a cidadanía.
O edificio non só acolle as oficinas, baños e vestiarios da Policía Local, senón que se conta con outros despachos e salas xa rehabilitados e preparados para futuros usos administrativos. No edificio quedan pendentes de remodelación o soto, que se destinará a garaxe e arquivo, a terceira planta, con potencial para usos administrativos. Tamén hai unha vivenda na planta baixo cuberta que poderá transformarse nun recurso de emerxencia para servizos sociais. Para este mesmo ano está prevista a renovación integral da cuberta e dos aleiros, cun proxecto orzado en 72.000 euros, neste caso financiado a través dos Plans Provinciais.












