Para facilitar o percorrido, a vila dividise en seis zonas, identificadas con variedades de uva de Valdeorras: Godello, Mencía, Garnacha, Sousón, Treixadura e Merezao. Os clientes deberán recoller nos establecementos os boletos para participar nos sorteos convocados nesta edición da Ruta, e que deberán estar selados en seis establecementos diferentes, un por cada zona, como requisito imprescindible tanto para poder votar os mellores pinchos, como para tomar parte nos sorteos.Nesta edición non haberá xurado profesional, polo que serán os propios clientes os que, coa súa valoración, elixan os tres mellores pinchos da ruta. Por outra banda, todos os boletos correctamente selados entrarán no sorteo de catro ceas para dúas persoas, en catro establecementos hostaleiros colaboradores.
Como complemento aos premios que se concederán cos boletos que se entregan na ruta, mantense tamén o premio especial para redes sociais, consistente nunha cesta de produtos gastronómicos. Para optar a este premio, os participantes deberán compartir unha fotografía do pincho nas redes sociais oficiais da ruta en Facebook ou Instagram. A imaxe con maior número de “gústames” resultará gañadora, e o fallo darase a coñecer o 22 de xaneiro de 2026.










