A elección do Barco como sede da saída –O Barco veu pasar o pelotón da Volta en varias ocasións, pero nunca foi saída nin chegada- é unha gran oportunidade para que a localidade poda mostrar ao mundo as súas bondades. Cunha audiencia de 400 millóns de persoas en decenas de países, a Volta é, para o alcalde, Alfredo García “moi importante para a nosa promoción turística”.
Agradeceu a decisión da Deputación de respaldar esta elección, e tamén á organización da Volta por confiar no Barco para este fin. “Sabemos”, dixo o alcalde na presentación do evento , “que teremos que traballar moito ata entón, especialmente a concellería de Deportes, pero darémolo todo para que sexa un éxito porque merece a pena”. O Concello porá todos os medios ao seu alcance para que todo transcorra como debe.
Na presentación desta etapa da Volta, desenvolvida no Paseo do Malecón do Barco, estiveron presentes, ademais do alcalde, o presidente da Deputación, Luis Menor, o director xeral de Turismo, Xosé Manuel Merelles, e o director da Volta, Javier Guillén, quen alabou as paisaxes desta terra, os seus viños e a súa acollida sempre excelente. No apartado técnico, a Volta considera a etapa Barco-Morredero como unha boa ocasión para unha escapada na que os escaladores serán os protagonistas.













