O alcalde do Barco, Alfredo García, explicou esta mañá que este non é un proxecto nin fácil nin sinxelo, por todo o que supón a posta en marcha un Centro de Interpretación, tanto para a súa creación como para o seu funcionamento. “Pero” dixo, “estamos seguros de que o imos conseguir, xa que aínda que se trata de algo moi ambicioso, creemos que pode ser moi atractivo non só para a comarca de Valdeorras, senón a nivel nacional”. O Centro no só acollerá os materiais e recursos precisos para dar a coñecer a minería na zona –a romana, a de calizas, a da lousa- senón que terá que ser un centro dinámico, interactivo e que, en definitiva, poda ser un punto de atracción para que se xeneren visitas a O Barco.
Ademais, a idea é que o recinto onde se situará o Centro de Interpretación non só sexa un lugar onde coñecer a historia da minería por medio dunha exposición permanente sobre este tema, senón tamén un espazo no que se atopen dependencias culturais para distintos usos. “Estamos pensando en que conte con unha sala de conferencias, outra exposicións temporais, e ata espazos onde poder realizar concertos musicais”, dicía o alcalde, quen cree que o futuro Centro de Interpretación da Minería pódese converter nun dos focos culturais de máis relevancia da comarca de Valdeorras.
Tanto para a creación do Centro de Interpretación da Minería como para o seu funcionamento no futuro, o Concello considera imprescindible a creación dunha Fundación, co liderazgo do Concello e “na que terán que estar empresas privadas, especialmente as relacionadas coa minería, e tamén as administracións, as universidades, o mundo académico, etc”, indicaba o alcalde, xa que o Concello non ten capacidade, en solitario, para afrontar un proxecto destas características. “E teremos tamén que buscar fontes de financiación alí onde podamos: fondos europeos, Xunta, Deputación, Goberno Central”, precisaba o rexedor, quen engadía que xa se tiveron conversas con diferentes entidades que puideran estar interesadas neste Centro, con moi boca acollida. “Pero a partir de agora haberá que traballar arreo neste tema” dicía o alcalde, xa que, aínda que o estudio non estará rematado ata finais de ano, e a creación do Centro levará tempo, será preciso crear a Fundación e buscar financiación canto antes para non alargar o proceso máis aló do necesario.
O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, resaltou o apoio decidido da entidade que dirixe para colaboración co Concello do Barco en todas aquelas iniciativas que podan axudar ao desenvolvemento do territorio. No caso do Barco, recordou, estanse a desenvolver varios proxectos, despois da elaboración do estudio de turismo que xa de publicou. Tamén se está cun proxecto de reto demográfico, no que “O Barco de Valdeorras é a nivel galego, territorio de referencia”, dixo, e estase a traballar noutro para a loita contra os incendios forestais en nun máis para a creación dun viveiro de granxas.
Dentro desa estratexia de desenvolvemento do territorio cabe a creación deste Centro de Interpretación da Minería, que, en opinión de Vázquez Mao, “pode ser un excelente foco de atención” na localidade. O alcalde abundaba nesta idea: “pode ser un gran atractivo para o turismo, para lograr máis visitas á localidade e, en definitiva, favorecer a creación de emprego e dinamizar a economía”, rematou.









