A Fundación, que ten sede no Barco de Valdeorras, nun baixo cedido polo veciño Emilio Vega Rodríguez, ten como os seus fins principais os de promover o estudo e a difusión da obra e vida do escritor galego Florencio Delgado Gurriarán; apoiar e fomentar a lingua galega como idioma vehicular das actividades culturais, contribuíndo ao proceso de normalización lingüística de Galicia; asistir ao progreso da comarca de Valdeorras e ao enriquecemento, gozo, coñecemento, difusión e prestixio das manifestacións culturais e artísticas máis relevantes da súa historia e actualidade, dentro e fóra do seu ámbito territorial.
O padroado inicial da Fundación está formado por María Ildara Gillmore, como presidenta, Emilio Vega Rodríguez, como vicepresidente, María Elva Delgado Vázquez, como secretaria, e Celia Martha Carmen Delgado Teijeiro, Miguel Bautista Carballo, Lucio Santalla Quiroga, Ángel Fernández Fernández, Camilo Fernández González, Ángel López Baranga e Aurelio Blanco Trincado, como vogais.