As actividades comezan co ciclo De Perto (A palabra contada, rimada, cantada) o martes 2 de xullo, nos xardíns da Casa Grande e Viloira. A partir das 20,30 horas, a compañía “Ítaca Teatro” presenta o espectáculo “Anacos”. O ciclo continúa o día 5 con Antía Muíño na praia fluvial do Malecón as 22.30 horas, e o día 9, ás 20.30 horas, nos xardíns de Viloira, actuará Cris de Caldas.
O día 12, o Ensemble de saxofóns de Vigo actuará no mosteiro de Xagoaza,e o día 16, no mesmo lugar, Furafollas estrea a obra “Movendo os marcos”. O Orfeón Valdeorrés e a coral Virxe de Linarejos ofrecerán un concerto o día 26 na adega Roandi, en Éntoma, ás 20.30 horas. O De Perto finaliza o día 30 de xullo ás 22,30 horas, nos xardíns do Chao, con Paula Pier.
O cartel desta edición do De Perto é obra de Candela Fernández, alumna do Bacherelato de Arte do IES Martaguisela.
Tamén en xullo (o xoves día 4), comezan as Noites de cinema. Todos os xoves de xullo e agosto, na praza Maior, haberá cine ao aire libre, cun programa de cine familiar e infantil. Ademais, os días 13 e 14 de xullo celebrase en Tremiñá a Feira Medieval, e o día 18 comeza o Silfest na praia Fluvial do Malecón. Os nenos poderán volver a gozar do Diververán entre o 22 e o 28 de xullo no campo da festa.
Os concertos do V Ciclo Terrasón comezarán o día 31 de xullo, na praza Maior, co grupo “Rholben & Man Panforreteiro”. Ata o 6 de setembro haberá 10 actuacións musicais en diferentes zonas de terrazas hostaleiras do Barco. E a Semana de Cine celebrarase no Teatro Lauro Olmo do 23 ao 30 de agosto, coa novidade, este ano, da actuación musical de Sito Trío o día da inauguración.