En torno a 2.700 persoas participan nalgunha das actividades deportivas promovidas polo Concello do Barco, según informou o alcalde, Alfredo García, na presentación da programación deportiva elaborada pola Concellería de Cultura para este ano. Desa cifra, aproximadamente 900 nenos e nenas están inscritos nalgunha das escolas organizadas no programa de Deporte Base, que imparten os clubs deportivos, e preto de 800 adultos se matricularon nalgunha das escolas deportivas postas en marcha polo Concello. A esta cifra hai que engadir preto de 1000 socios na piscina climatizada municipal. Estas cifras supoñen que aproximadamente o 20% da poboación do Barco practica algunha actividade deportiva de xeito habitual, promovida polo Concello, que fai un esforzo moi importante para que a poboación faga deporte.
Na presentación da programación deportiva, que inclúe unha gran cantidade de actividades, destaca, como novidade, unha proba de Enduro, o próximos días 4 e 5 de maio no Parque Empresarial da Raña. Tamén se destacou a Andaina de San Xoán, que terá lugar o 21 de xuño e que, como novidade, este ano celebrarase en Éntoma, en coincidencia coas festas de San Xoán nesta localidade. No calendario seguen os habituais descenso de augas bravas, en maio, o Decenso do Sil, torneo de pádel, de petanca, velada de boxeo, torneos de fútbol-sala, fútbol 7 e outros, exhibicións, e un largo etcétera detallado no políptico presentado polo concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso.