Os actos desta XXII edición da Festa do Botelo comezaron as 12 da mañá no Teatro Lauro Olmo coa homenaxe á cociñeira Concepción Moral, que traballou durante moitos anos na cociña do mítico Mesón JR, moi coñecido en toda a comarca polas excelentes tapas que tiña na carta. O Mesón JR era un negocio familiar no que tamén traballaba o seu marido, José Arias Arias (coñecido como Pepe o do JR por toda a veciñanza), cuxa personalidade foi tamén moi lembrada ao longo do acto de homenaxe.
O debuxante Xosé Lois González Vázquez, “Carrabouxo”, deu lectura ao pregón, no que lembrou as súas experiencias no Barco, cando era mozo, e tamén a súa relación co Mesón JR, a cuxo propietario dibuxou unha viñeta hai anos. “É bo telo”, foi fa frase central do seu pregón, no que, con este xogo de palabras, destacou todo o bo do Barco e da Festa: o río Sil, as paisaxes, os viños e, por suposto, “o BOTELO, que é BO TELO”. A filla de Pepe e Conchi, Marta Arias, falou en nome da familia para dar a grazas pola homenaxe e recordar ao su pai, que lamentablemente xa non pode gozar deste día.
Presentado pola actriz Fátima Delgado, o acto contou tamén coa actuación do Orfeón Valdeorrés, que entre outras pezas interpretou a Canción do Botelo, e escenificou a entrada do botelo no Teatro Lauro Olmo, así como unha peza, “A borracha” que levantou as risas de todos os asistentes.
A partir das 14,30 horas celebrouse o xantar popular no pavillón de Calabagueiros co habitual menú de Botelo, acompañado de chourizos, patacas e repolo. Servíronse, en total, 900 quilos de botelo, 150 de chourizos, 300 de patacas e 350 de verdura. Todo, regado con 600 botellas de viño tinto do Barco e, de sobremesa, 60 tortas de roxóns e 80 bicas.
O xantar contou coa animación musical dos grupos que, pola tarde, se encargarán de continuar cos xa tradicionais cantos de taberna polos bares da localidade. Estes cantos de taberna celebraranse entre as 19 e as 22:30 horas, coa participación de media ducia de grupos en 9 establecementos.
A actuación de Amancio Prada, mañá domingo as 20,00 horas no Teatro Lauro Olmo porá o punto e final a esta XXII edición da Festa do Botelo. As entradas para este concerto, ao prezo de 10 euros, están a venda de xeito anticipado en Ton y Son, e desde unha hora antes poderán adquirirse na billeteira do Teatro.