"Temos un pouco de todo, música, canto, teatro,… e en todas as redes nas que podemos estar, entre elas, este ano, en PLATEA”. Así anunciou, na mañá do luns 21 de setembro en rolda de prensa, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, a que “para o Concello foi unha das mellores novas que nos podían dar, porque é moi complicado entrar en PLATEA, e logo manterse”, salientou.
Os espectáculos recollidos na programación foron escollidos entre as mellores compañías teatrais da actualidade, que traerán ao Barco as súas últimas producións, para levalas a cabo entre os meses de outubro e decembro.
Unha das máis esperadas terá a súa chegada ao escenario do Teatro Lauro Olmo no mes de decembro, da man de Rafael Álvarez “El Brujo” co seu espectáculo “Iconos, o la exploración del destino”, un monólogo humorístico que conecta os grandes mitos gregos coa nosa realidade actual.
Tamén no mes de decembro, levarase a cabo a actuación, para todos os públicos, do Coro Góspel Vida, organizada pola asociación ALCER coa colaboración do Concello, co obxectivo de sensibilizar á veciñanza sobre a importancia da doazón de órganos para as persoas afectadas por algunha enfermidade renal crónica.
O mes de outubro comezará coa obra “Inherente” de Marcos Waldemar, onde a maxia se mestura co teatro, o humor e o mentalismo, construíndo unha experiencia na que o público non sabe onde remata a ilusión e onde empeza o imposible. O espectáculo ven abalado polo bicampeón de España de Maxia, que revalidou este ano o título nacional e foi premiado no Congreso Mágico Nacional 2025, sendo semifinalista de Got Talent España.
No mes de outubro tamén chegará ao escenario do Teatro Lauro Olmo, os espectáculos de Jesús Velasco Otero, “Campaña”, o día 9; de Rocío Romero, “Brokeback Sabucedo, paixón entre bestas”, o día 16; e o de Artur Trillo, “Un deus salvaxe”, o día 23.
No mes de novembro, o Teatro recibirá a obra de José Luis Nieto, “Pasión de falla”, o día 6; a obra denominada “A Metamorfose”, de Carlos Álvarez Ossorio, o día 13; “A Historia Vaxenial”, de Iván Marcos, o día 20; e “Vitoria, retrato dunha denuncia”, de Colectiva e Susana Villaverde, o día 27.
Público familiar
Todas as actuacións terán hora de representación no Teatro Lauro Olmo do Barco, ás 21:00 horas, agás as dirixidas ao público familiar, que desenvolveranse no mes de decembro, en horario de 18:30 horas.
A primeira delas, o día 28, de nome “Bichitos” do director Ángel Calvente, de Spasmo Teatro, invita a mirar invita a mirar o mundo dende abaixo, dende as formigas, os escaravellos, etc., cunha potente mensaxe ecolóxica.
O 30 de decembro chegará o espectáculo de “O Apalpador” de Anxo Moure, unha viaxe á tradición, un abrazo do bosque galego en pleno Nadal. Acompañado polas melodías da montaña, o xigante carboeiro non só trae castañas quentes, senón tamén historias de respecto á Terra e centos de sementes e árbores autóctonas para plantar en familia.
As entradas de todos os espectáculos estarán á venda desde unha hora antes, na billeteira do Teatro. As entradas para o espectáculo "Inherente" de Marcos Waldemar, poderanse obter de xeito anticipado en Ataquilla.com.












