Tamén se desvelou hoxe o cartel que ilustra as festas patronais máis importantes do ano e a súa autora, a artista valdeorresa Marisú Miranda. Será o xoves día 10 de setembro, ás 20:30 horas, cando teña lugar a inauguración da súa exposición “Xentes do Barco”, na sala de exposicións da Praza do Príncipe, onde relata, a través da súa arte, a historia dun pobo que nunca deixou de habitar nela. A exposición poderá visitarse do 11 ao 14, do 18 ao 20 e do 25 ao 27 de setembro.
O encargado de pronunciar o pregón das festas, que terá lugar o venres día 11 de setembro na Praza Maior, será o doutor Ricardo Marini, profesional da pediatría que exerce no Barco desde hai case catro décadas, nas que atendeu a varias xeracións de familias da comarca. Ao seu remate, o Chupinazo dará comezo ás Festas do Cristo de 2026.
O sábado día 12 de setembro, será o día no que se celebre a 58ª edición do Descenso Internacional do Sil e o 6º Descenso Popular. Pola mañá, levarase a cabo a Festa das Pandillas e pola noite, chegará o prato forte da programación musical , co concerto de Xoel López, precedido polo espectáculo da orquestra El Combo Dominicano.
O domingo día 13 de setembro, ademais do celebracións da 38ª Milla Urbana, será a quenda das orquestras Capitol e América de Vigo. A orquestra Panorama City desenvolverá o seu espectáculo o luns 14 de setembro, día grande das festas, que comezará co 32º Madrugón e, máis tarde, a misa e procesión do Cristo, precedida polas Calantornias e os Cabezudos.
A sesión de fogos artificiais porá o punto e final ao día festivo. O luns 15 de setembro, Día do neno e a nena, as atraccións ofreceranse a prezos especiais.
Este ano, o programa impreso das festas comezará a repartirse o xoves día 3 de setembro.
Tamén se habilitará nesta edición, a inscrición daquelas persoas interesadas en portar aos Cabezudos que sairán ás rúas o día festivo do Cristo, o 14 de setembro. A inscrición porase a disposición dos interesados a partir das 9:00 horas do día 2 de setembro a través de rexistro electrónico (sede electrónica do Concello) e presencial, no Concello do Barco.














