O Concello do Barco presentou na mañá deste martes día 23 de xuño, a XIV edición do “Ciclo De Perto, a palabra contada, cantada e rimada”, que terá lugar entre os días 30 de xuño e 31 de xullo, nos xardíns da Casa Grande de Viloira e na Praia Fluvial do Malecón.
O cartel deste ano é unha creación de Uxía Nayra Yáñez Netto, estudante de 1º de Bacharelato do IES Martaguisela.
Este ciclo abre a importante programación cultural que se desenvolverá no municipio, organizada pola Concellería de Cultura, durante todo o verán.
Serán en total sete espectáculos, que se desenvolverán todos os martes do período mencionado, ademais de dous venres (o 24 e o 31 de xullo).
“De Perto” permitirá, de novo, que a veciñanza volva a atoparse arredor da palabra, con espectáculos de narración oral, poesía escénica, teatro, e música folk e tradicional. Cándida da Luz, Irene Reina, Lois Pérez, Lila Teatro, Quico Cadaval e Celso Sanmartín, Vero Rilo e Carmela, son os protagonistas que enchen o programa desta edición do “De Perto”.
Os emprazamentos escollidos para desenvolver as actividades, son lugares especiais nos que se conxugan en harmonía todos os elementos necesarios para que o ciclo se desenvolva nun ambiente de calma e serenidade, cun marco natural, amable e acolledor.
Accede á programación completa nesta ligazón: “Ciclo De Perto, a palabra contada, cantada e rimada”
Verán Cultural
A proposta da Concellería de Cultura inclúe na programación de verán, outras iniciativas culturais como as “Noites de cine”, cuxas proxeccións terán lugar na Praza Maior, desde o día 1 de xullo ao 27 de agosto, a partires das 22:30 horas.
No mes de agosto chegará unha nova edición do “Terrasón”, cun total de seis actuacións que terán lugar os días 2, 7, 14, 22, 23 e 28 do mes, en diferentes localizacións da vila.
Un concerto do Conxunto Moderno do Conservatorio, a 10ª edición do SilFest, o Diververán no Campo da Festa, a Feira Medieval de Tremiñá, as actividades do Concello para a divulgación da eclipse, as XLI Xornadas de Folclore, a XXXV Semana do Cine, a Feira de produtos tradicionais, ou a chegada das Festas do Cristo e a actuación de Luis Piedrahita uns días máis tarde, son outras iniciativas incluídas na programación que serán presentadas ao longo do verán.













