O Concello do Barco foi o elixido este ano como a sede da celebración do Acto Conmemorativo do 182 Aniversario da Fundación do Corpo da Garda Civil, que tivo lugar na mañá deste mércores día 27 de maio. Dita elección, enche de orgullo ao Concello, e marca un fito na historia desta celebración que o ano pasado, por primeira vez, descentralizaba o evento fóra da capital provincial.
A secuencia de actos deu comezo ás 12:00 horas na Praza do Concello, onde fixeron a súa intervención as autoridades militares e políticas, e se levou a cabo a imposición de condecoracións e a entrega dun obsequio ao Garda Civil veterano, Justo Gamarra de 94 anos. Tamén se celebrou a homenaxe aos caídos e a interpretación do himno da Garda Civil.
Asistiron ao acto, o Subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o Coronel Subdelegado de Defensa, Jesús Peñas-Preckler; o Comisario da Policía Nacional, Juan Castor Vázquez Salgado; o Comandante Xefe Accidental da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Benito Santamarina; os Senhores Coroneis dos Comandos Territoriais da Garda Nacional Republicana de Portugal, de Braga, Vila Real e Viana do Castelo; o Xefe da Policía Autonómica de Ourense, Breogán Rivo; o Xefe da Policía Local do Barco de Valdeorras, Fernando Lozanos Selles; os Señores Oficiais da Subdelegación de Defensa e da Garda Civil; alcaldesas, alcaldes e concelleiros da comarca, ademais dos membros da corporación municipal, e outras autoridades.
A máxima autoridade civil, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou a importancia do traballo da Garda Civil, facendo alusión ao crecemento de esclarecemento de delitos na provincia, “nun 22% no relativo aos delitos contra as persoas” e “nun 23% nos delitos contra o patrimonio”.
Afirmou Eladio Santos que “Ourense é un territorio perigoso para os delincuentes, e seguro para a cidadanía”, facendo fincapé en que a comunidade galega é “das máis seguras de España, e queremos que siga sendo así”. Afirmou ademais que pese a que “este ano, como compromiso do Goberno de España, chegaremos á cifra máis alta da historia en número de efectivos de forzas e corpos de seguridade do estado”, o Estado continúa a necesitar sempre “máis efectivos en tódolos corpos de seguridade”.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, expresou o seu “agradecemento á Garda Civil por elixir a nosa vila para conmemorar o 182 Aniversario da Fundación desta institución”. “É unha honra”, explicou, “tervos hoxe aquí en Valdeorras e que a cidadanía do Barco e da comarca poda participar deste acto”.
Tamén quixo salientar o alcalde do Barco, a labor da Garda Civil, que permite “desfrutar do estado de benestar propio dunha vila segura e protexida”, cun “recordo moi especial para todos aqueles que, dun xeito ou doutro, participastes activamente xunto con outros corpos de seguridade ou de emerxencias, nos dispositivos montados a raíz dos incendios que asolaron a nosa comarca o ano pasado”.
O evento completouse cun desfile oficial pola céntrica Avenida Marcelino Suárez, precedido pola actuación da Real Banda de Gaitas da Deputación, repleta de veciñas e veciños que quixeron participar deste acto. Para rematar, no pavillón vello celebrouse un brinde pola Súa Maxestade o Rei.















