Dentro das actividades paralelas programadas para esta Feira do Viño, celebraranse catas en carpas instaladas nos xardíns da Casa Grande. A primeira delas terá lugar ás 20,30 horas do sábado. Os participantes poderán probar unha selección de viños maridados con produtos de “Experiencias de Calidade de Galicia”. Para participar será preciso reservar praza, a un prezo de 10 euros por persoa. Tamén o sábado, o recinto ferial acollerá, ás 23,00 horas, a actuación do grupo “Dani Barreiro & Friends”.
O domingo día 1 de maio, a partir das 12,30 celebrarase a final do I Concurso “A Mellor Albóndega de Valdeorras”, nos xardíns da Casa Grande. Trátase dunha novidade nesta Feira, coa que se pretende amosar a versatilidade dos viños de Valdeorras para a elaboración de grandes platos. Este mesmo día, ás 20,00 horas, terá lugar a segunda cata desta Feira, na que tamén é preciso inscripción previa, cun custe de 10 euros por persoa e prazas limitadas. E ás 21,00 horas, tamén nos xardíns, comezará un showcooking, dirixido polo chef José Manuel Mallón, que presentará unha serie de pratos cunha selección de viños da D.O. Valdeorras. A asistencia a esta actividade ten un prezo de 15 euros, con prazas limitadas.
Durante a celebración da Feira haberá actividades para os máis pequenos, con inchables nos xardíns da Casa Grande, e música en directo coa Charanga Bicoia, encargada de amenizar o recinto ferial durante a xornada do sábado, e a Charanga Tattoo, que se encargará de poñer a nota musical o domingo.
Un ano máis, a organización porá a disposición dos usuarios, de maneira gratuita, o Tren Turístico “Valdeorras Expreso”, que realizará percorridos de ida e volta durante o horario de apertura da Feira. O tren partirá do polideportivo municipal de Calabagueiros, con paradas no Hospital Comarcal Valdeorras, a Praza do Concello e a Praza de Viloira.
Este ano ademais, a valdeorresa quere ser unha “D.O. de cine” apoiando ao sétimo arte no evento máis destacado do ano como é a Feira do Viño. Así, o mesmo venres, ás 20:30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco, terá lugar a reprodución da curtametraxe “Dragón Blanco”, dirixido por Rodrigo Marini, e premiado no Festival de Cine de Granada.
As reservas de praza para as catas e o showcooking deberán ser realizadas polos interesados no teléfono 651 123 308 ou escribir á dirección de correo electrónico: comunicacion@dovaldeorras.com.











