O proxecto foi desenvolvido baixo a coordinación das concellarías de Deportes e Sanidade, e pretende que os médicos, tanto os de Atención Primaria como os especialistas do Hospital Comarcal Valdeorras, prescriban aos seus doentes a práctica de exercicio –adecuado sempre á súa situación física específica- para contribuir á mellora tanto da súa saúde como da súa calidade de vida.
Os facultativos disporán nas súas consultas de talonarios impresos (con dúas modalidades: para nenos e mozos e para adultos) coas diferentes posibilidades deportivas existentes no Barco. No propio impreso poderá marcarse a opción que o médico considere máis adecuada para cada caso, e o paciente levará para casa a “receita” coa prescrición deportiva indicada para o seu caso.
Durante a presentación, o alcalde, Alfredo García, destacou o carácter pioneiro en Galicia desta iniciativa, “xa que non hai outra deste tipo no territorio galego”. O xerente do Distrito Sanitario, Alberto Pedrera, mostrou a súa satisfacción pola posta en marcha da receita sanitaria, ao tempo que agradeceu a iniciativa do Concello, falou da boa disposición a participar na mesma por parte dos profesionais sanitarios do Barco e garantiu o seu éxito.
A coordinadora de Enfermaría do Centro de Saúde, Isabel Navarro, fixo fincapé na importancia que este proxecto ten para os profesionais, que así teñen ao seu dispor todo o abano de posibilidades deportivas existentes no Barco, e significou a súa importancia polo que pode significar cara a implantación da prevención da saúde para a veciñanza.
O concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso, describiu as moitas posibilidades que ofrece o Concello do Barco en materia deportiva, e agradeceu especialmente o traballo desenvolvido polas dúas profesionais que traballaron durante varios anos para sacar adiante o proxecto: Kissy Torres, técnica de Deportes do Concello do Barco, e Gemma Rodríguez, enfermeira comunitaria do Centro de Saúde barquense. A receita deportiva é un elemento máis dentro do ambicioso Plan de Saúde do Barco, que ten como fin último que a localidade sexa “Cidade Saudable”, según indicaba o concelleiro de Sanidade, Orlando Saavedra.
Entre as posibilidades recollidas na receita atópanse as Escolas Deportivas Municipais, a actividade dos clubs deportivos, a piscina climatizada municipal, as pistas de pádel e tenis de titularidade municipal, e ata circuítos e rutas saudables creados e sinalizados polo Concello. Entre elas, unha ruta ideada expresamente para este proxecto: a Ruta do Malecón, totalmente urbana e que transcorre entre o Porto da Barca e a pasarela do Río Mariñán. Tamén existe a opción de sumarse á oferta deportiva de diferentes asociacións existentes no Barco, así como de ximnasios e clubs privados.